Poñemos en marcha a campaña "En Movemento".

O Movemento Estudantil Universitario puxo en marcha este luns a campaña «En Movemento», coa que animamos ao estudantado a  plantármonos ante os discursos e prácticas dirixidas a precarizar o sistema educativo, a Universidade, e ao resto das conquistas sociais e de benestar existentes. Desta forma, a nosa organización quere aproveitar para facer un chamamento á participación masiva na mobilización que terá lugar este sábado 15 de outubro a nivel mundial en contra dos recortes sociais, e para berrar ben alto que non queremos ser comparsas, senón actores activos na construción dun futuro próspero.

A campaña consistirá na pegada de cartaces polas diferentes facultades do país, reparto de folletos informativos aos estudantes, e na difusión dun sitio web de información e activismo (en.movemento.eu). Esta páxina web irá acompañada de artigos recentes respecto á situación económica e política, así como de manifestos en favor da mobilización global e unha sección de activismo. No eido das redes sociais, púxose en marcha o hashtag #enmovemento, co que se pretende levar a nosa voz aos usuarios de Twitter.

En palabras de Pablo Guimeráns, Responsábel de Comunicación do MEU, «a manifestación do día 15 será un potente revulsivo contra a degradación e o envilecemento político e financeiro. O caldo de cultivo para o conflito e a inestabilidade social xa está creado.» As razóns para saír á rúa nunca estiveron máis xustificadas, e se atendemos aos últimos prognósticos, podémonos preparar para meses máis duros, con máis axustes, flexibilidade e recortes sociais. «Asistimos ao desmantelamento en directo do Estado do Benestar, ao recorte das políticas sociais, no ensino, na sanidade, e porén vemos como os gobernos mundiais rescatan bancos, pagan con diñeiro público as ameazas dos chamados «mercados» -que nin nome teñen nin se lles coñece- e humíllanse ante axencias privadas que os avalían. Semella que en todo isto o que menos importa son as persoas e os dereitos sociais que manteñen a unha sociedade cohesionada e igualitaria» dixo Pablo Guimeráns.

O Responsábel de Ideas do Movemento Estudantil Universitario, Millán Fernández, tamén fixo onte un chamamento á mobilización do estudantado galego: «con nós que non conten para ser cómplices do deterioro do sistema educativo e universitario. Imos ter que mobilizarnos e defender o que é noso e é de todos.»

Cando a inxustiza é lei, a rebelión é unha obriga. Móvete, xa!

 

Artigos relacionados

Deixa o teu comentario

Nome: (requerido)

E-Mail: (requerido)

Web: (non necesario)

Mensaxe:

Enviar comentario